Ataques á lingua asturiana
XABIER CORDAL
A lingua asturiana vén de ser eliminada dos estudos oficiais na Universidade de Oviedo. Como consecuencia da decisión tomada polos órganos de goberno da Facultade de Filoloxía dimitiu a decana, Ana Cano. A exigua diferenza na que se apoiou a resolución -só catro votos máis e sete abstencións dun total de setenta e un votos emitidos- non resta gravidade a este novo ataque contra o idioma asturleonés precisamente no territorio do Estado onde goza de mellor saúde en canto ao número de falantes. Portugal recoñeceu o mirandés, variante da mesma póla románica que gozará das mínimas condicións para a sobrevivencia.
A loita pola oficialidade segue sendo obxectivo principal dos sectores máis reivindicativos. A pesar do que alguén denominou "asturianismo sociolóxico" -un sentimento nacionalitario que carece de siglas onde se manifestar- os partidos de obediencia unicamente astur son testemuñais. Coa excepción do recente compromiso de IU para rematar dunha vez coa marxinación do idioma, a actitude das formacións estatais debateuse historicamente entre a indiferenza, a reivindicación difusa (en certos sectores do PP) lindante co folclórico e unha hostilidade aínda visible, por exemplo, en cadros dirixentes do PSOE. O proceso de substitución que iniciara a burguesía durante o XIX atinxiu un século despois as clases populares coa vaga industrializadora que transformou o país ata levalo á vangarda mundial do obreirismo. Pero nin os partidos nin os sindicatos revolucionarios asumiron o asturiano máis alá do coloquial. Non foron abondo para deter o avance do glotocidio a tímida eclosión da canción protesta en asturiano durante os setenta ou a cultura folk que asentou en moitas vilas e cidades unha década máis tarde.
Canda a dimitida responsable da Facultade, Ana Cano (tamén presidenta da Academia de la Llingua), tras a votación secreta que varría do mapa o asturiano como materia universitaria oficial abandonaron os seus cargos a Secretaria do decanato, Cristina Valdés, e mais o Vicedecano de estudantes. O idioma de Asturias dispoñía, ademais, de título propio non regrado que se impartía unha vez cursada a carreira. Estando prevista aliás a licenciatura en Filoloxía Asturiana, con esta eliminación atácase frontalmente o cultivo da lingua e a investigación filolóxica nun ámbito imprescindible. Cómpre sumar esta agresión ás consignas contra o renacemento asturiano, habituais polo menos desde a constitución do Conceyu Bable en 1974. Sobrancean arestora as do filósofo televisivo Gustavo Bueno, quen fixo da ridiculización da cultura toda de Asturias unha teima persoal.
Nos últimos días ameceuse Rosa Díez ao coro de aldraxes. Afirmou en Llanes, durante un mitin de UpyD, que o asturiano era "unha forma de falar ou un dialecto", lembrando que a única lingua oficial no Principado é o español. As declaracións da líder ultranacionalista encádranse na campaña posta en marcha o pasado xuño por mor do Manifiesto por la lengua común, brazo político da confrontación contra galego, éuscaro e catalán que nin sequera concede tratamento de linguas aos outros idiomas non oficiais falados no Estado español.
Peor é a situación da llingua na Asturias exterior (isto é, nas comarcas de lingua e de cultura asturiana que están baixo dominio administrativo castelán-leonés), dado que os poderes públicos nin sequera teñen debatido en serio a oficialización e limítanse a esperar a que as franxas se castelanicen ao cen por cen. O tempo, como ocorre nas illas xeográficas que falaron hai ben pouco o que se chama leonés ao sur, intensifica unha aculturación xa marcada antano polas correntes migratorias cara aos pozos mineiros. Hoxe imponse a homoxeneización a través da franquía española do mercado global.
En Asturias a recuperación de sinais colectivos segue deixando a un lado a lingua, aínda que se nota na cidade a maior resistencia a considerar o asturiano unha ferramenta útil. Hai tempo que varios centros de ensino primario e medio imparten asturiano fóra do currículo, e incluso nas comarcas onde o bable posúe forte presenza existe profesorado que o usa como idioma vehicular.
O estado de saúde da longa xeira da literatura asturiana -soemos ignorar que naceu no século XVI- contrasta coa precariedade descrita. Ante o abandono dos poderes públicos, o feble sistema literario substitúe estímulos oficiais por militancia e por iniciativa privada. Quedou lonxe a etapa voluntarista na que calquera cousa podía valer con tal de expresarse en asturiano. A fase de reivindicación etnográfica e as présas da modernización a calquera prezo deixaron paso a varias xeracións de brillantes narradores e unha moi interesante oferta poética, unida ao empeño en ampliar recursos mediante as traducións. O esforzo rara vez é correspondido polos "irmáns maiores", os outros sistemas literarios que España quere situar na periferia. Semella doado percibir a displicencia da literatura galega ou da portuguesa cara aos veciños do norte, por moito que poidamos escusarnos na fenda que se produciu a partir do cambio oficial de postura sobre o que se fala no Navia-Eo. Un desencontro que afastou vellos amigos e arruinou futuras alianzas políticas, literarias e mesmo musicais. Medra a certeza, nos círculos asturianistas, de que é preciso redobrar o esforzo na batalla pola dignificación simbólica, indisoluble dunha mobilización pola oficialidade que non perda de vista a estratexia dos verdadeiros inimigos do asturiano. O que é polo de hoxe, calquera persoa matriculada na Facultade de Filoloxía da Universidade de Oviedo poderá escoller un idioma entre esta oferta: español, inglés, francés, italiano, portugués e alemán. O asturiano nin sequera ten o estatus de lingua estranxeira no seu propio país.
(de l Galicia Hoxe, 3-07-2008)
Tags: Xabier+Cordal Universidá+d'Uviéu Ana+Cano Cristina+Valdés Rosa+Díez Gustavo+Bueno
Esbilla |
del.icio.us



¿Asturias exterior? You alucino con estos etnicistas. Qué casualidá que nun amienta pa nada Cabreira o Senabria nin fala de la situación de la llengua nesas comarcas. Ah, craru, que son "Galicia exterior".